Sunday 05 de May de 2024

O PSOE solicita dous pediatras a tempo completo e unha sala de espera na área de Pediatría no centro de saúde ordense


O Cento de Saúde de Ordes conta na actualidade con 1,5 pediatras, cando a propia Consellería de Sanidade recoñece que 2 pediatras serían “unha adecuada dotación de facultativos”

O grupo socialista no Parlamento de Galicia pediralle á Xunta de Galicia dous pediatras a tempo completo e unha sala de espera para a área de Pediatría no centro de saúde de Ordes. Unha petición froito dunha reunión mantida por membros da Agrupación Socialista de Ordes coa responsable de Política Local do Grupo Parlamentario Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo. Un encontro no que participaron a secretaria xeral dos socialistas ordenses, Elvira Rodríguez Recouso; o voceiro municipal, Alejandro Manteiga; e o secretario de Sanidade do PSOE da Coruña, Xesús Pedreira.

Rodríguez Rumbo indica que “para atender a unha poboación como a de Ordes é necesario que o centro de saúde conte con dous pediatras a tempo completo, xa que ten 1.676 menores de catorce anos e non cumpre coas ratios recomendadas pola Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria”. Unhas ratios que recomendan como idóneo as 900 tarxetas por pediatra e que en Ordes está situada en 1.117.

A secretaria xeral do PSOE de Ordes, Elvira Rodríguez, explicou que “o problema é que na actualidade temos un pediatra a tempo completo e un segundo a media xornada, o que fai que dende hai tempo nos cheguen queixas dos usuarios do servizo de Pediatría polo tempo que teñen que agardar para seren atendidos”.

De feito, a responsable de Política Local do Grupo Socialista trasladou aos socialistas ordenses a resposta da Consellería de Sanidade a unha pregunta plantexada o pasado mes de marzo, na que indicaban que o centro de saúde de Ordes conta con 2 pediatras a tempo completo e especificaban que “tendo en conta a análise das cargas asistenciais e os recén nados, estimamos que ten unha adecuada dotación de facultativos pediatras que garanten a atención da poboación infantil”. “Estamos de acordo coa afirmación de Sanidade: con 2 pediatras a tempo completo a atención sería a correcta, pero o problema é que agora non os hai”, conclúe Rodríguez Rumbo.

Un pasillo como sala de espera

Pola súa banda, Alejandro Manteiga adiantoulle á deputada socialista que presentará na próxima sesión plenaria unha moción para reclamar que se habilite unha sala de espera para os nenos e nenas de Pediatría. “Na actualidade os nenos e as súas familias que van a unha das pediatras non teñen sala de espera, polo que teñen que agardar nun estreito pasillo que é zona de paso de médicos e pacientes que, no verán, rexistra altas temperaturas”, explica o voceiro municipal dos socialistas ordenses. Unha situación pola que se interesou tamén Rodríguez Rumbo para darlle traslado á Xunta de Galicia.

Finalmente, o secretario de Sanidade do PSOE da Coruña, Xesús Pedreira, confirmou “o total apoio da Dirección Provincial, que apoia o traballo coordinado entre as agrupacións locais e o grupo Parlamentario, e lembrou que “os socialistas levamos anos denunciando as carencias de persoal e medios do centro de saúde de Ordes. Primeiro con fisioterapia, onde conseguimos novo persoal. Despois foi con radioloxía e agora con Pediatría”.

Diabetes

Así mesmo, Beatriz Rodríguez Rumbo confirmou o traslado ao Parlamento de Galicia dunha proposta presentada pola agrupación socialista de Orde para instar á Consellería de Sanidade a facilitar un medidor de glucosa FreeStyle Libre ás persoas diabéticas en Galicia, especialmente ás persoas con diabetes tipo 1. Segundo os últimos datos, a prevalencia da diabetes en Galicia é do 8%, polo que se calcula que hai máis de 220.000 persoas na comunidade que padecen esta enfermidade, 800 delas en Ordes.

Para que os pacientes poidan levar un control adecuado cos sistemas utilizados actualmente (medidores con tiras) son necesarios como mínimo 6 picadas diarias, ás que hai que engadir as 4 que, como mínimo, son necesarias para a administración da insulina. Pola contra, co medidor de glucosa FreeStyle Libre reduciríanse o número de picadas xa que en cada escaneo obtén o valor actual de glucosa, os valores das últimas 8 horas e unha frecha que lle indica ao paciente cara a onde se dirixe a súa glucosa.

Na súa petición á Xunta de Galicia, os socialistas lembra que algunhas comunidades autónomas facilitan este tipo de medidor, como Andalucía, Comunidade Valenciana ou Pais Vasco, ben financiando parte do seu custo ou o total, sobre todo os que están indicados para pacientes que sofren diabetes tipo 1. “Queremos saber se a Xunta ten coñecemento da situación dos galegos e galegas afectados por diabetes en relación coa non dispoñibilidade do medidor de glucosa FreeStyle Libre”, apunta Begoña Rodríguez Rumbo.